Sunday 05 de May de 2024

Xunta e concello da Coruña colaborarán co obxectivo de declarar unha área Rexurbe no conxunto histórico da cidade


O director do IGVS e o concelleiro de Urbanismo mantiveron hoxe unha reunión para abordar diversas actuacións de interese municipal en materia de vivenda
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello da Coruña colaborarán co obxectivo común de declarar unha área Rexurbe no conxunto histórico coruñés. Este foi un dos asuntos principais que centrou a reunión celebrada esta mañá entre o director do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, e o concelleiro de Urbanismo da Coruña, Juan Manuel Díaz.

A figura das áreas Rexurbe foi creada pola nova Lei de Rehabilitación e serán declaradas, previa solicitude dos concellos, en núcleos históricos catalogados como BIC que se atopen especialmente degradados, ou outros que pola súa singularidade e o seu deterioro precisen dunha especial actuación. A través destas áreas realizaranse actuacións de rehabilitación ao mesmo tempo que se articulen medidas sociais, ambientais e económicas enmarcadas nunha estratexia administrativa global, unitaria e integral.

Cómpre lembrar que despois da entrada en vigor da lei, o pasado 22 de maio, o Concello de Mondoñedo amosou a súa intención de contar cunha área Rexurbe a curto prazo polo que, de concretarse a vontade manifestada hoxe polo concelleiro de Urbanismo, A Coruña sería o segundo concello en obter esta declaración.

No transcurso da xuntanza, García trasladoulle ao concelleiro a vontade da Xunta de incluír a cidade da Coruña na oferta pública de adquisición de inmobles que convocará o próximo ano. Neste sentido, lembroulle o funcionamento deste programa, coñecido como Rexurbe e que en 2020 cumprirá a súa terceira convocatoria, a través do cal o IGVS adquire inmobles deteriorados e en estado de abandono en conxuntos históricos para proceder á súa rehabilitación e destinalos despois a vivendas para alugueiro.

Por outra parte, na reunión abordouse tamén a situación das diferentes áreas de rehabilitación integral (ARI) existentes na cidade da Coruña, que conta na actualidade cun total de 10.